O mellor resultado para Catalunya: A aposta polas políticas sociais e a independencia

    0
    542

    Por Pilar Fernández-Pazos

    De todas as opcións posibles nas votacións ao Parlament de Catalunya, este resultado, dende o meu punto de vista, era o mellor a esperar, non só para o proxecto soberanista senón para a defensa das políticas sociais.

    Dicir, en primeiro lugar, que toda a prensa española e internacional resalta a elevada participación cidadá e realmente é algo digno de mención xa que a alta abstención ven sendo unha constante en todos os comicios do Estado Español.

    De ter acadado a maioría absoluta CiU, poderíamos ter tido a partires de hoxe, un escenario de “bronca teatral” no que a posibilidade de referéndum quedaría difuminada, (aínda que esta cuestión lle daría marxe de manobra a CIU para lograr algunha mellora para a Autonomía, que vendería evidentemente coma unha grande vitoria); pero para a cidadanía catalana esta teórica maioría significaría continuar na tónica dos mais que terribles recortes, privatización de todo o público, mais paro, e polo tanto, mais descontento social.

    Afortunadamente a presenza de ERC, que ven de duplicar a súa representación no Parlament, é o factor mais importante a resaltar. O éxito de ERC significa por unha banda que logra saír da escuridade do anterior Goberno catalán tripartito do que formou parte (con PSOE e ICV-EUiA) e que foi, en grande parte, o que os levou á deriva anos atrás; ademais, asegura que o proceso e debate independentista non caia en saco roto; e por último, implica unha (espero) férrea oposición contra as políticas de CiU, conxuntamente con outros grupos parlamentarios (ICV-EUiA e CUP).

    Os grupos pro-unionistas queren vender a derrota de Mas coma unha grande victoria da “España unida” ou o “Better together” que representan. O discurso de “España se rompe” xa histórico, foi a base da súa campaña; apenas falaron das alternativas nos seus programas aos recortes de CIU; e cando o fixeron, ao igual que aconteceu canda as últimas eleccións ao Parlamento español, os candidatos do PP semellaban ser os herdeiros socialistas e sindicalistas que defendían ao traballadores e ao pobo dos poderes capitalistas. (Evidentemente non o son… o digo para os inxenuos… )

    A própia Sra. Cospedal (PP) parecía encantada onte cando aseveraba que non ían pactar con CiU por estaren “radicalizados”. Aos ultra-conservadores do PP lles encanta a palabra “radical” y “antidemocrático” (léase: todo aquel que lles leve a contraria ou que presione para conseguir cambios ás súas políticas, ou todo aquel que defenda dereitos constitucionais). Pero saben moi ben que o seus resultados están hoxe mais lonxe de seren unha vitoria, as matemáticas están para algo e neste caso mais que nunca, están moi claras.

    O PSOE e a súa sorpresiva volta aos seus principios federalistas (defendidos durante o debate sobre independentismo e como camiño do medio fronte ao centralismo do PP), non logra convencer e segue en caída libre. A pouca credibilidade que teñen en materia de políticas sociais e os problemas internos son as razóns fundamentais que impiden ser alternativa de goberno; A crise do PSOE en todo o Estado ten pouca solución, se non conseguen a renovación da dirección do partido ao completo e volver aos seus principios e ao sentido común. Difícil tarefa xa que o termo “socialista” lles ven quedando demasiado grande e pesado dende hai xa demasiado tempo.

    De todos xeitos, sería prudente esperar uns meses para ver como vai resultando este novo escenario, concretamente ata o verán do 2013, xa que un dos titulares da campaña amosaba esta data como límite para negociar o tan requirido (e mais que xusto) pacto fiscal. E coñecendo a historia de CIU, e sabendo a presión que están a exercer os Parlamento Europeo e Español cos recortes, eu estaría ben alerta sobre posibles cambios de rumbo inesperados, nos que os vencedores resulten ser os vencidos. Moita precaución.

    Persoalmente, desexaría ver o logro dun referendum en Cataluña, e un novo Estado (dentro ou non da UE, non me parece un debate lóxico e razoable a facer agora mesmo, e menos intuíndo os cambios que poden acontecer en breve), pero o pobo catalán ten sen lugar a dúbidas o dereito de lograr o recoñecemento como país soberano; e se a iso se lle engade o ser defensor de políticas sociais e sen recortes, moito mellor. Ogallá o consigan pero de momento prefiro a chamada á prudenza.